Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Frades aproba o Plan Único, que reduce en máis de 87.000 euros as achegas da Deputación con respecto a 2016


Frades non empregará o préstamo para reducir débeda bancaria, destinará 261.990 euros a gasto corrente e 161.164 euros a melloras en estradas municipais
O Concello de Frades aprobou esta tarde en sesión plenaria extraordinaria a proposta da Alcaldía para o Plan Único da Deputación da Coruña, que ascende a 596.347 euros. Unha proposta aprobada cos 8 votos a favor do PP e as 3 abstencións do BNG. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, lamentou que con este novo plan o municipio vaia perder máis de 87.000 euros con respecto ás achegas percibidas durante o ano 2016.

Roberto Rey explicou ao pleno que durante 2016 o Concello de Frades recibira 194.642,08 euros do POS 2016, 265.421,02 euros do PAS 2016 e outros 172.885,17 euros do PAI 2016, aos que hai que sumar outros 51.329,67 euros correspondentes a achegas provinciais en materia de cultura, deportes… que este ano desaparecen co Plan Único. Pola contra, neste 2017 o Concello de Frades recibirá 261.909,19 euros para gasto corrente, outros 161.164,89 euros para obras e non optará aos 173.263 euros do préstamo para reducir a débeda bancaria, xa que dende o ano pasado Frades ten débeda bancaria cero.

Unha afirmación coa que non concordou o voceiro do BNG, Xosé María Pérez, quen destacou que co novo Goberno provincial “reduciuse o 95% das subvencións nominativas e as que se conceden teñen menor cantidade”. Pola súa banda, o alcalde de Frades indicou que “en 2017 o Concello de Frades vai recibir menos cartos da Deputación. Os números están bastante claros”. Neste sentido, Roberto Rey explicou que “é certo que en 2017 recibiremos 67.000 euros máis para gasto corrente pero perdemos máis de 104.000 euros para investimentos reais e os 51.329 euros que se achegaban en distintos programas ao longo de todo o ano”.

Proposta de investimentos

No que atinxe á proposta de obras, os 161.174 euros serán investidos en dous proxectos de mellora de camiños municipais. O primeiro deles, denominado “Camiño Quintán a Vila (Abellá) e outros”, contempla un total de seis actuacións por un importe de 80.884,25 euros. Ademais do mencionado camiño de Quintán a Vila (na parroquia de Abellá), mellorarase o camiño de Reboredo a Xeza (Galegos), o camiño da AC-524 ao Carballal (Abellá), vías públicas de acceso a Quintá (Papucín), accesos a Fontelo (Aiazo) e camiño entre a DP-3801 a O Seixo (Moar).

O segundo proxecto, denominado “Camiño Casal (Vitre) a Ponte Raselo (Gafoi) e outros”, conta cun orzamento de 80.290,64 euros para un total de cinco actuacións. Ademais do mencionado camiño Casal (Vitre) a Ponte Raselo (Gafoi), tamén se inclúen melloras nos accesos a Alemparte (Céltigos), no camiño dos Betotes (Añá), na pista entre As Quintás e Igrexa (Ledoira) e un camiño entre a DP.3082 e a pirotecnia (Gafoi).

Propostas do BNG

Antes da aprobación da proposta da Alcaldía, o BNG deu lectura a unha proposta de obras para incluír no Plan Único da Deputación. Roberto Rey indicou que 6 das 9 propostas nacionalistas xa están contempladas polo Goberno de Frades, se ben só unha delas figura no Plan Único aprobado hoxe. Así, o alcalde especificou que o abastecemento a Añá e Céltigos conforma un plan aprobado na Xunta por máis de 800.000 euros e que outras pistas solicitadas polo BNG xa estaban incluídas no PAS 2016, actualmente en execución.

Sobre a petición de construír un local para a terceira idade ou un punto de atención á infancia, Rey Martínez lembrou que o Concello de Frades xa ten presentados ambos proxectos diante da Xunta de Galicia. A petición do grupo nacionalista de comprar unha retroexcavadora mixta, foi respondida con “esperemos que a Deputación teña a a ben achegar unha subvención como a que fixo para outros concellos para a mesma cuestión”. E sobre a derradeira petición, a de anchear as pistas principais do municipio, o alcalde lembroulle ao BNG que xa está incluído nos Orzamentos Municipais de 2017, que recollen 578.000 euros para investimentos con fondos propios.

Tesourería e axuda de emerxencia

O mesmo resultado de votación, 8 a favor e 3 abstencións, rexistrouse na decisión de retirarlle as competencias como Tesoureiro ao concelleiro Manuel Marzoa, que serán asumidas pola secretaria-interventora do Concello de Frades. O voceiro do BNG aplaudiu a decisión pois “é máis lóxico que o tesoureiro sexa un funcionario” e suxeriu que se reducira a cantidade que o concelleiro recibe pola súa dedicación exclusiva ao entender que ten menos funcións que acometer. O propio Manuel Marzoa tomou a palabra para lembrar que “cando asumín as funcións de tesoureiro tampouco houbo incremento ningún no soldo a pesar de que a dedicación tamén era maior”.

A unanimidade chegou á hora de aprobar unha nova bonificación do IBI para unha explotación gandeira de Moar, que presentara unha alegación ante a denegación da axuda o pasado mes de decembro por manter débedas coa Seguridade Social. Finalmente, esta persoa demostrou que ese dato era un erro da Administración Central, polo que puido acceder á bonificación do 95% da súa cota do IBI.

Tamén se aprobou por unanimidade unha axuda de 250 euros mensuais polos próximos 11 meses para que unha veciña do municipio, cun elevado grao de discapacidade, poida acudir a un centro ocupacional en Boimorto. O alcalde presentou un informe da asistenta social municipal na que especifica que a familia non ten os recursos precisos para costear este traslado, coste que asumirá o Concello de Frades durante 11 meses (agosto non hai servizo) ou ata que se lle conceda unha praza pública.